Cargando...

Novas Mais Novas

¡É o teletraballo, estúpido!

12/05/2020

foto  ¡Es el teletrabajo, estúpido!

Se entre os membros de Sepga figurase James Carville, asesor del Bill Clinton nas presidenciais do ano 1992, seguramente no taboleiro de anuncios do noso local figuraría, dende a confirmación da expansión da pandemia da Covid 19 polo país, a seguinte frase: O teletraballo, estúpido.
 
No ámbito laboral existen moitas medidas que poden minimizar o risco de transmisión do virus, dende a hixiene de mans, uso de máscaras e luvas, distanciamento entre postos, ventilación natural, limpeza reforzada e así ata o infinito, medidas que protexen cando se aplican de forma adecuada, pero que no caso do seu uso incorrecto pode implicar riscos, sendo cada vez maiores as voces que advirten da falsa sensación de seguridade ao empregalas.
 
Cando analizamos o borrador do Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19, sorprendeunos, e moito, que a única medida que evita a transmisión no ámbito laboral se relegue en pouco máis dun mes ao seu estado previo á chegada da pandemia da Covid 19 ao noso país. Se pode afirmar que o teletraballo é a única medida que evita a transmisión do virus entre o persoal que o pode exercitar e que á vez reduce significativamente os riscos ao persoal que ten que desenvolver o traballo de forma presencial necesariamente, xa que non é o mesmo compartir aseos, escaleiras, ascensores, corredores, pasamáns, o aire do espazo de traballo con dous compañeiros que con dez.
 
Resulta sorprendente que o sistema de traballo que permitiu manter unha gran parte dos servizos públicos, principalmente os que teñen un carácter máis administrativo, pero tamén no ámbito sanitario como a maioría das consultas de atención primaria, sexa relegado á situación residual que tiña con carácter previo á chegada da pandemia. Sorprende, que despois da adaptación urxente do persoal ao teletraballo, cunha actitude moi positiva, que levaron a que moito persoal mercara lectores de tarxetas, equipos, contratara ou cambiara a súa conexión a internet, etc, o teletraballo quede relegado a un segundo plano, a pesares da mellora dos tempos de resposta administrativa e polo tanto do servizo público prestado, grazas ao uso xeneralizado de ferramentas informáticas como o portasinaturas, rexel e o notifica.
 
Non é necesario citar os beneficios do teletraballo para o traballador, elimina tempos e gastos de desprazamentos; evita os riscos propios do desprazamento, riscos que non son menores no caso do uso de transporte público tendo en conta os centos de traballadores que se desprazan cada día dende toda Galicia ao seu centro de traballo en autobús e tren; permite unha mellora significativa conciliación nun contexto de peche de colexios, residencias de maiores, centros de día, campamentos de verán, ludotecas, etc. É verdade que non todos as aspectos asociados ao teletraballo son positivos, polo que é necesario mellorar o seu desenvolvemento mediante unha adecuada regulación, pero sendo o illamento social un dos aspectos que se consideran negativos asociados ao teletraballo, neste intre, cunha pandemia activa que provoca en Galicia cada día novas hospitalizacións, este aspecto convértese en positivo xa que é o sistema máis efectivo para erradicar a pandemia.
 
Por todo o anterior, e a pesares de denunciar que este tema é de vital importancia na situación actual, como quedou reflectido nas alegacións presentadas dende Sepga, seguiremos alzando a voz para que o teletraballo sexa peza clave neste contexto, e para que o teletraballo veña para quedarse definitivamente e non se limite a ser un parche en tempos da pandemia da Covid 19. Agora, máis que nunca, non nos podemos permitir o luxo de desbotar a única medida que permite o distanciamento social no ámbito laboral, non nos podemos permitir reducir á mínima expresión a única medida efectiva para erradicar a pandemia no ámbito laboral, medida que elimina totalmente os riscos de transmisión do virus entre os traballadores.
 
Lembrade que podedes afiliarvos dun xeito sinxelo seguindo as instrucións recollidas na nosa web http://www.sepga.es/Afiliate/
Igualmente, se desexades participar connosco na defensa dos nosos dereitos ou formular suxestións, inquedanzas etc, podedes facelo a través do mail sindicato-sepga@xunta.gal