Cargando...

Novas Mais Novas

COMUNICADO SEPGA CARREIRA PROFESIONAL

27/04/2022

foto  COMUNICADO SEPGA CARRERA PROFESIONAL

 Bos días a todos/as.

Xa fomos quen de constatar como dende o principio ata o final entre a Administración e as organizacións sindicais, coas súas actuacións e omisións, leváronnos a un lugar non desexado por ninguén, cun percorrido que foi inxusto e que se baseou: na discriminación dos subgrupos A1 e A2, en deixar fora da carreira incorrectamente a diferentes colectivos que compoñen a Función Pública e ata finalmente deixarnos sen carreira profesional.

Neste sentido, levamos semanas asistindo a un lamentable cruce de acusacións entre as organizacións sindicais asinantes do acordo de concertación e aquelas que optaron pola vía da súa impugnación.

Dende o SEPGA levamos anos denunciando que estabamos ante unha carreira discriminatoria para moitos compañeiros e compañeiras e así llo transmitimos, antes e despois da pandemia, en numerosas reunións, tanto ao conselleiro de Facenda como ao director xeral da Función Pública, sen que dende estes estamentos fixeran a necesaria corrección. Unicamente pretendíamos que se deixase sen efecto un agravo inxustificable para os empregados públicos dos subgrupos A1 e A2 nas condicións nas que se desenvolvía a Carreira profesional pola vía extraordinaria respecto das condicións establecidas para os Grupos B e C, a pesares de ser todos dependentes da mesma Administración.

 

A Carreira profesional, dende o noso punto de vista, debe entenderse como un recoñecemento público do desenvolvemento alcanzado por un profesional en canto a unha traxectoria profesional, coñecementos, implicación, entrega, adecuación aos obxectivos profesionais da organización na que presta os seus servizos, e, por tanto, ha de ser, tamén, unha vía de progreso e/ou mellora económica na Administración Pública.

Iniciada a carreira profesional, esta debe ser unha invitación ao establecemento de círculos virtuosos no emprego público, o que, con toda seguridade, redundará en maiores cotas de motivación e implicación dos empregados públicos, que é o seu obxectivo.

A carreira profesional é pois, un recoñecemento, non unha subida salarial, é voluntaria, non é lineal e gozará dela quen acumule méritos suficientes.

 

Parece que agora si (porque antes non) dende algunhas organizacións sindicais alzan a voz por unha homoxeneidade nas anualidades a nas porcentaxes dos graos da carreira. Alegrámonos de que tiveran recapacitado e cambiado de opinión aínda que sexa para corrixir os erros cometidos ou, se fora o caso, para non ter que asumir a responsabilidade de deixarnos a todos/as sen carreira profesional, que porén foi posta de manifesto nos tribunais.

 

En SEPGA, en cada unha das reunións da mesa xeral de funcionarios solicitamos que se convoque a todas as OOSS, incluído o SEPGA, para a negociación dun novo acordo de concertación social, para a fixación dunha carreira profesional regrada, obxectiva e non discriminatoria, indicando que, en todo caso, no futuro acordo deberán eliminarse con efectos retroactivos as discriminacións existentes no Acordo de concertación do emprego público de Galicia, publicado a través da no ORDE do 15 de xaneiro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 19, do 28 de xaneiro do 2019) declarado nulo.

Polo tanto, reiteramos a nosa esixencia de que a Dirección Xeral da Función Pública, responsable primeira e final do Acordo, convoque esta vez a TODAS as organizacións sindicais para desfacer este desastre ao que entre todos nos teñen conducido e para evitar unha merma real e efectiva no salario dos traballadores e traballadoras públicos.

Non dubidedes que nós seguiremos loitando, como fixemos dende o principio para impedir calquera tipo de discriminación, agravio comparativo ou como eufemisticamente se queira denominar, polo que, sexamos convocados ou non, (veremos como responde a Dirección Xeral da Función Pública ante a presión do resto de organizacións sindicais) SEPGA reservarase todas as accións á súa disposición en salvagarda dos dereitos do colectivo dos subgrupos A1 e A2 que lle permita a lexislación vixente para evitar unha nova discriminación neste recoñecemento.

Un saúdo