Cargando...

Novas Mais Novas

Convocatoria eleccións Comisión Executiva e Asemblea anual SEPGA

16/05/2022

foto  Convocatoria elecciones Comisión Ejecutiva y Asamblea anual SEPGA

 Como ben sabedes na asemblea constitutiva do Sindicato de Empregados Públicos de Galicia (SEPGA), celebrada o día 4 de xullo de 2019, entre outros, adoptáronse, entre outros, os seguintes acordos:

  • O deseño dun procedemento para a elección da Comisión Executiva do SEPGA.

  • A celebración de eleccións, con carácter previo á celebración da seguinte asemblea anual.

 

Desafortunadamente, a crise sanitaria xerounos un atraso nos nosos propósitos. É por iso que nos diriximos ás persoas que compartistes a ilusión desta aventura da posta en marcha dunha nova organización sindical, afiliándovos ao SEPGA, coa finalidade de informarvos que a Comisión Executiva Provisional, na súa reunión do 5 de maio de 2022, acordou convocar para o próximo 9 de xuño de 2022:

 

 1. Eleccións para a designación da Comisión Executiva que deberá dirixir e xestionar o sindicato durante o próximos catro anos, a partir da súa elección. 

 2. A Asemblea Xeral do sindicato.

 Coa finalidade de que calquera das persoas afiliadas poida presentar unha candidatura, achégase a convocatoria.
O lugar no que se desenvolverá o proceso electoral e a asemblea determinarase en función das dispoñibilidades de espazo que nos ofreza a administración, e comunicarase posteriormente.
O prazo de presentación de candidaturas remata o 23 de maio ás 24.00 h.

 

A orde do día da asemblea ten carácter provisional.
Calquera persoa afiliada poderá propoñer, para a súa inclusión na orde do día, o debate doutros asuntos xerais que resulten de interese para o SEPGA. Para iso admitiranse propostas ata o 18 de maio de 2022.

Nas propostas, deberase indicar o asunto, xunto cunha breve explicación, sen prexuízo de que coa finalidade de xustificar a oportunidade e importancia da súa inclusión, se poida achegar a documentación que se considere oportuna.

En todo caso, a Comisión Executiva Provisional dará conta dos asuntos propostos e dos descartados. Para iso, poderá incluír dentro dun mesmo tema ou asunto aqueles que garden relación entre si.
Con posterioridade á devandita data, remitirase a orde do día definitiva.

 

Pregamos que confirmedes a vosa asistencia o antes posible enviando un correo electrónico a sepga-sindicato@xunta.gal

Ás persoas que formamos parte da Comisión Executiva Provisional, gustaríanos que houbese a máxima participación posible. 

A pesar das dificultades da pandemia da Covid, xunto coa dificulte e complexidade de poñer en marcha una nova organización sindical, o SEPGA  está a intervir, tanto  na Mesa Xeral de Persoal Funcionario como noutros foros, en temas importantes como: 

  •  A non discriminación na carreira profesional; 
  • A esixencia da convocatoria do concurso específico; 

  • A axilidade na tramitación do concurso xeral e dos concursos especiais (posibilidade de establecer sistemas de concurso permanentemente abertos); 

  • O establecemento na Xunta de Galicia dunha Comisión permanente de Selección de Persoal; 

  • O teletraballo; 

  • A transparencia no establecemento de grupos de traballo no marco da xestión dos fondos europeos de recuperación e resiliencia;

  • A aplicación da flexibilidade laboral por coidado de fillos e persoas dependentes; 

  • A negociación da oferta extraordinaria na que está a traballar a Xunta de Galicia con motivo da aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Tema este no que esperamos, proximamente, darvos conta da postura que actualmente mantén a Comisión Executiva Provisional, sen prexuízo de que máis adiante, unha vez de que dispoñamos dunha información fiable e dos datos definitivos do persoal afectado, esperamos dar traslado desta información e realizar unha consulta entre as persoas que estades afiliadas ao SEPGA, coa finalidade de fixar unha postura definitiva e, de selo caso, determinar as accións a realizar.

Sen máis,

Recibide un afectuoso saúdo.

A Comisión Executiva Provisional do SEPGA