Cargando...

Asamblea

ACTA DA ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA DE AFILIADOS DO SINDICATO DE EMPREGADOS PÚBLICOS DE GALICIA (SEPGA)

 

Día da reunión: Xoves, 4 de xullo de 2019

Hora da reunión: 17.00 horas (primeira convocatoria); 17.30 horas (segunda convocatoria).

Lugar: Salón de actos nº2. Edificio Administrativo de San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Composición da mesa:

Presidente: D. María Gemma Soto Pérez.

Secretario: D. José Carlos Fagín Taboada.

Vogal: D. Manuel Jiménez Vicente

 

Asisten 32 afiliados/as presentes máis 10 delegacións de voto.

Logo do chamamento en segunda convocatoria, as 17.35 horas do día indicado, comeza a reunión da Asemblea Xeral Extraordinaria de afiliados do “Sindicato de Empregados Públicos de Galicia” para tratar o seguinte orde do día:

ORDE DO DÍA:

  1. Admisión de afiliación ao sindicato.

  2. Eleccións das persoas integrantes da Comisión Executiva.

  3. Situación económica. Balance económico. (Futuras axudas)

  4. Proposta de creación das Seccións Sindicais: Información e implicacións.

  5. Debate e votación sobre proposta de modificación de estatutos.

  6. Autorización á Comisión Executiva para solicitar subvencións en nome do sindicato.

  7. Información á Asemblea da solicitude realizada á EGAP para formar parte do seu Consello Reitor.

  8. Información á Asemblea do inicio dos traballos para elaborar un Convenio SEPGA-Asociacións.

  9. Liñas de acción sindical da Comisión Executiva.

  10. Rolda de intervencións libre.

A presidenta abre a sesión agradecendo a todas as persoas a súa asistencia e realiza unha breve exposición do proceso de creación do Sindicato de Empregados Públicos de Galicia. O sindicato inicialmente foi creado por tres persoas como resultado de varias reunións previas entre integrantes das asociacións de funcionarios do corpo superior e de veterinarios principalmente. Neste proceso de creación e posta en marcha fai mención especial a Olalla Flores e Pablo Amenedo Bermúdez polo seu traballo e dedicación. A constitución do sindicato se formalizou coa sinatura da acta de constitución e aprobación dos estatutos o día 15 de xaneiro de 2019, acto no que participaron Gemma Soto Pérez, como presidenta, Pablo Amenedo Bermúdez e Manuel Jiménez Vicente como vogais.

A continuación a presidenta fai unha exposición dos puntos da orde do día que se van a tratar nesta asemblea.

 

 

          1.- Admisión de afiliación ao sindicato.

Toma a palabra Pablo Amenedo Bermúdez que agradece a todos os presentes a súa participación nesta asemblea. O punto da orde do día da cumprimento a previsión estatutaria que establece a necesidade de aprobación en asemblea das afiliacións ao sindicato. Logo da revisión da documentación presentada foron 74 persoas as que solicitaron a afiliación e cumpren os requisitos estatutarios para poderen ser afiliados.

Sométese a votación da Asemblea a admisión como afiliados das persoas que aparecen relacionadas no anexo I deste acta.

A Asemblea aproba por unanimidade a admisión como afiliados das persoas que aparecen relacionadas no anexo I deste acta.

2.- Eleccións das persoas integrantes da Comisión Executiva.

 

Toma a palabra Manuel Jiménez Vicente para expoñer a proposta de Comisión Executiva e os distintos cargos que desempeñaran as persoas propostas logo de que a labor da Comisión Xestora de poñer en marcha o proceso constitutivo toca ao seu fin. Segundo os estatutos a Comisión Executiva podería está formada por unha persoa na presidencia, unha persoa na vicepresidencia, unha persoa na secretaría, un mínimo de dous vogais encargados da organización administrativa e dos temas económicos e un máximo de 5 persoas máis como vogais encargados doutras funcións concretas. Con base a la anterior estrutura se traslada una proposta de Comisión executiva na que se intenta equilibrar o xénero, as circunscricións e os corpos representados.

    • Presidencia: Gemma Soto Pérez. Corpo Facultativo Superior, Escala (E) Veterinarios. Coruña

    • Vicepresidencia: Pablo Nimo Rios. Corpo Superior. SSCC

    • Secretaría: José Carlos Fagín Taboada. Corpo Superior. SSCC

       

    • Vogalías:

  • Tomás Nogueiras Nieto. Corpo Facultativo Superior, E. Enxeñeiros Industriais. Pontevedra (Asuntos económicos).

      • Olalla Flores Fernández. Corpo Facultativo Superior, Escala de Inspección Urbanística.

      • Pablo Alejandro Amenedo Bermudez. Corpo Superior. SSCC

      • Manuel Jimenez Vicente. Corpo Facultativo Superior, E. Veterinarios. Pontevedra

      • Carlos Folgar Ares. Corpo Facultativo Superior, E. Veterinarios. Pontevedra

      • Nieves Infanzón Alvarez. Corpo de Farmacéuticos. Lugo

 

Pablo Nimo Ríos toma a palabra para indicar que se alguén quere propoñer ou formar parte da comisión executiva podería ser necesario pospoñer a decisión.

Manuel Jimenez sinala que a elección é en bloque de todos os integrantes da Comisión que se propoñen.

A afiliada Marta Paíno mostrou a súa desconformidade con que non se fixera mais publicidade de que se estivera a elaborar unha candidatura sen coñecemento xeneralizado, especialmente de todos os que integraron as candidaturas nas eleccións a representantes sindicais nas Xuntas de Persoal. Non obstante, ela non está interesada en participar na Comisión Executiva.

Manuel Jimenez toma a palabra para sinalar que non se trata de ocultar nada e que esta primeira Comisión Executiva ten como misión inicial arrancar o funcionamento normal e habitual do sindicato, sen prexuízo de que no futuro se poida incorporar outras persoas.

Pablo Nimo apunta que quizais sería posible abrir un prazo para que se presentaran voluntarios para integrar a Comisión Executiva e que de non presentarse ninguén quedara aprobada a proposta realizada hoxe.

Tomás Nogueiras Nieto toma a palabra para sinalar que é a Comisión Xestora a que con fundamento no establecido na disposición transitoria dos estatutos propón a unha Comisión Executiva.

Un afiliado formula unha cuestión de orde xa que considera que debería votarse a elección da candidatura proposta aínda que non haxa ningunha outra proposta.

Pablo Nimo Ríos intervén para sinalar que a intención é aprobar un regulamento que permita establecer un procedemento de elección da Comisión Executiva máis formalizado. Hai unha serie de expectativas xeradas no conxunto dos funcionarios que non podemos desaproveitar polo que é mellor sumar e xuntar esforzos nestes primeiros tempos.

Finalmente a proposta dende a mesa da Asemblea se somete a votación as seguintes propostas:

  1. Aprobar a proposta de integrantes da Comisión Executiva formulada pola Comisión Xestora co compromiso de que no prazo dun ano convoque eleccións.

  2. Elaborar un regulamento que permita realizar as eleccións

A proposta 1 recibe 25 votos a favor e a proposta 2, 15 votos a favor.

A Asemblea aproba por 25 votos a favor e 17 abstencións, a proposta de integrantes da Comisión Executiva para o prazo dun ano, ao término do cal terán que convocar eleccións para elixir unha nova Comisión Executiva.

Unha vez que a Asemblea dera a súa aprobación aos integrantes da Comisión Executiva,

Manuel Jiménez Vicente expón as distintas áreas que formaran parte desta. Ademais das

vogalías económicas e de organización administrativa, tamén haberá unha vogalía de

relacións institucionais e comunicacións, unha vogalía de asesoría xurídica, baixo a

responsabilidade da secretaría e, e unha vogalía de acción sindical.

3.- Situación económica. Balance económico. (Futuras axudas)

Toma a palabra Tomás Nogueiras Nieto, que se presenta como enxeñeiro industrial e licenciado en económicas e que ten dende sempre unha grande afección aos temas económicos. A situación económica actual do sindicato é fácil de presentar, 74 persoas afiliadas por 20 € de cota fan un total de 1480 € na conta do sindicato. Os ingresos de cara ao futuro centraranse nas cotas dos afiliados e nas subvencións, que se encargará de xestionar. Tamén manifesta que un dos seus obxectivos é elaborar un estudo sobre a evolución salarial do subgrupo A1 na Xunta de Galicia nos últimos 10 anos e na recuperación da paga extra.

Entre os gastos que se realizaron ata o de agora están o pago do dominio para a páxina web e nun futuro esperase compensar os desprazamentos realizados polas persoas que residen fora de Santiago para a asistencia a reunións do sindicato.

Un afiliado sinala que un obxectivo de estudo podería ser as diferencias de nivel dentro do grupo A. En determinadas escalas non hai postos de promoción nin niveis de entrada no corpo axeitados polo que hai un agravio comparativo con outros corpos que si poden promover e mellorar.

4.- Proposta de creación das Seccións Sindicais: Información e implicacións.

Toma a palabra Carlos Fagín Taboada para explicar que se trata de autorizar a creación das seccións sindicais en cada centro de traballo identificado como circunscrición electoral (Servizos Centrais, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense). A principal razón para a súa creación é que da dereito a gozar dun local que a Administración ten que poñer a disposición do sindicato en cada localidade.

Por parte dun afiliado solicita que sexa máis concreta a proposta.

Outro afiliado suxire que simplemente se adscriba a cada afiliado a unha sección a efectos de creación. Coméntase a posibilidade de nomear 12 delegados sindicais mais repartidos entre as distintas seccións que disporán das 40 horas mensuais e poderán asistir as diferentes reunións con voz pero sen voto.

Sométese a votación a proposta de crear unha sección sindical en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, e Servizos Centrais

              A proposta é aprobada por unanimidade da Asemblea.

 

5.- Debate e votación sobre proposta de modificación de estatutos.

 

Toma a palabra Pablo Amenedo Bermúdez que comeza recordando que a orixe do sindicato era poder ter capacidade de negociación coa Administración sobre temas de condicións de traballo. Os pasos que se seguiron foron auspiciados e promovidos principalmente por dúas asociacións integradas en exclusiva por persoal do subgrupo A1. Logo de darse a coñecer e co paso do tempo foi acadando máis importancia de ampliar ao subgrupo A2 a posible afiliación ao sindicato. A principal razón foi o apoio mostrado por algúns deles e que moitas das reivindicacións e temas polos que se mostraban a favor coincidían coas formulacións iniciais que serviron de base para a constitución do sindicato. En todo caso, o texto dos estatutos estaba claro e unicamente se ofreceu como compromiso para aquelas persoas do subgrupo A2 que mostraron interese en participar que se proporía modificar os estatutos nunha asemblea e que se os afiliados así o decidían se abriría a afiliación a todo o grupo A. En favor desta proposta, cabe sinalar que nas listas electorais que tanto custou conformar había integrantes do subgrupo A2.

 

Unha afiliada pregunta que asociacións formaron parte do xerme do sindicato.

 

Manuel Jimenez Vicente toma a palabra para sinalar que foron as asociacións do Corpo superior e a de veterinarios, aínda que foron invitados letrados, informáticos e biólogos. As asociacións que integran tanto a subgrupo A1 como A2 son as de agrónomos e forestais.

 

Unha afiliada intervén para dicir que os enxeñeiros agrónomos teñen que competir en practicamente todos os postos con A2 polo que están en situación moi desfavorable e que neste caso habería un evidente conflito de intereses entre A1 e A2.

 

Manuel Jimenez Vicente reitera o dito sobre a idea inicial de que formaran parte os A1 e como pouco a pouco se foron unindo algún A2 que se sentía representado polas nosas propostas, que o cambio de estatutos se estudaría o máis axiña posible e que non era condicionante para participar nas listas.

 

Na actualidade dos 10.000 funcionarios, uns 2400 o son do Grupo A1 e uns 1.200 do A2 o cal sumamos en torno ao 36% do total de persoal funcionario. É un número importante que non debemos rexeitar e na maioría dos casos non existe conflito entre os intereses dos grupos A1 e A2. Poden xurdir algunha discrepancia entre enxeñeiros e enxeñeiros técnicos ou corpos similares pero no longo prazo o subgrupo A2 tende a desaparecer e todos serán grupo A.

 

Nieves Infanzón sinala que persoalmente, afiliouse porque era A1. Despois deuse conta que existía interese por parte de A2, considera máis operativo manter a situación actual.

 

Un afiliado intervén para preguntar porque non se abre a todos os grupos xa que a competencia que pode existir entre A1 e A2 é distinta da que pode afectar a enxeñeiros e enxeñeiros técnicos.

 

Outro afiliado manifesta que conflitos sempre pode haber entre distintos colectivos, entre os A2 tamén hai licenciado e abrir a este subgrupo daría máis peso na negociación.

 

Manuel Jimenez Vicente responde que o sindicato se creo para evitar a orfandade que existía na mesa de negociación respecto dos nosos intereses e que o resto de grupos xa estaban representados polos sindicatos tradicionais.

 

Interveñen varios afiliados para sinalar que hai diferencia entre que dende o inicio se expuxera que eran todos os do grupo A ou só o subgrupo A1. Pero que se se poden atopar puntos en común hai que mirar ao futuro e abrir as posibilidades do sindicato. Tamén o subgrupo A2 non está ben representado nas mesas de negociación. Os problemas de A2 e A1 son similares.

 

Manuel Jimenez Vicente afirma que o programa vai en función duns obxectivos e que abrir ao subgrupo A2 obriga a diminuír os conflitos entre os colectivos.

 

Interveñen máis afiliados para deixar constancia do controvertido da proposta na que expuxeron os seus puntos de vista a favor e en contra.

 

Tomás Nogueiras Nieto sinala que todo isto é consecuencia dun resultado inesperado.

 

Finalmente, péchase o debate e sometese a votación da Asemblea as seguintes propostas

 

Proposta 1: Modificar os estatutos e abrir ao subgrupo A2 a posibilidade de afiliación segundo un compromiso adquirido previamente.

A favor : 13 votos. En contra: 22 votos.

 

Proposta 2: Esperar un tempo e estudar a modificación dos estatutos para a inclusión da posibilidade de afiliación do subgrupo A2 de cara ao ano 2020.

A favor : 35 votos. En contra: 2 votos. Abstencións: 2 votos.

 

6.- Autorización á Comisión Executiva para solicitar subvencións en nome do sindicato.

 

Carlos Fagín Taboada explica que como requisito formal para poder solicitar subvencións é necesario a aprobación da Asemblea.

 

Sométese a votación da Asemblea a proposta de autorizar á Comisión Executiva para que solicite no nome do sindicato SEPGA cantas subvencións autonómicas ou estatais teña dereito.

 

Aprobase a proposta con 42 votos a favor e un en contra.

 

7.- Información á Asemblea da solicitude realizada á EGAP para formar parte do seu Consello Reitor.

 

Pablo Amenedo toma a palabra para informar que as organizacións sindicais forman parte do Consello reitor da EGAP e que alí se establecen a formación de funcionarios da Xunta de Galicia.

 

Nieves Infanzón sinala que para o ámbito sanitario é a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) a encargada da formación e que é un sentir común a todos os profesionais o desacordo coa configuración da formación polo que tratarán de influír en que se mellore. Como obxectivos estaría potenciar a formación “on line” e que esta sexa impartida en horario laboral.

 

8.- Información á Asemblea do inicio dos traballos para elaborar un Convenio SEPGA e Asociacións.

 

Pablo Amenedo toma a palabra para informar que se iniciaron os traballos para elaborar un documento que permita a sindicato e as asociacións dos colectivos que integran maioritariamente os afiliados poidan convivir sen prexuízo de ningunha das entidades. A intención é que sexa o menos oneroso posible que unha persoa poida pertencer a ambas organizacións

 

9.- Liñas de acción sindical da Comisión Executiva.

 

Manuel Jimenez Vicente expón as liñas de actuación que ten previsto seguir a Comisión Executiva que esencialmente é seguir o programa presentado para as eleccións. Ademais, defender dous principios básicos respecto ao grupo A, a independencia e a profesionalidade. Dentro da profesionalidade entrarían, entre outros temas, a mellora da formación, os métodos de selección para o acceso ao corpo, a carreira profesional non discriminatoria respecto do resto de persoal funcionario ou a equiparación salarial respecto doutras autonomías.

 

As propostas deste programa foron moi ben acollidas e de aí os resultados tan positivos.

 

10.- Rolda de intervencións libre.

 

Pablo Nimo toma a palabra para manifestar que segundo a Lei de Emprego Público de Galicia as Xuntas de Persoal teñen dereito a recibir unha serie de información. Actualmente están constituídas todas elas e están en fase de elaboración dun regulamente algunhas delas. Pero non debemos confundir a labor das Xuntas de Persoal que vai dirixida á defensa de todos os funcionarios da Xunta de Galicia no seu respectivo ámbito coa labor sindical que se poida realizar a parte. Calquera tema que se queira formular e calquera achega que se queira realizar é benvida. Quere agradecer o traballo feito aos membros das asociacións que iniciaron a constitución do sindicato.

 

 

No tendo máis asuntos que tratar, finaliza a sesión as 20.05 horas do devandito día, do que dou fe como secretario e asino a presente co Visto e Prace da Presidenta.

 

 

 

Vº P A PRESIDENTA O SECRETARIO

 

 

 

María Gemma Soto Pérez José Carlos Fagín Taboada