Cargando...

Novas Mais Novas

MESA FUNCIONARIOS: PREGUNTAS CONCURSOS, SENTENZAS DESTINOS PROVISIONAI

15/06/2025

foto  MESA FUNCIONARIOS: PREGUNTAS CONCURSOS, SENTENCIAS DESTINOS PROVISIONALES Y CARRERA PROFESIONAL

O 12 de xuño celebrouse unha Mesa de Funcionarios para negociar a proposta de resolución pola que se convocan 7 prazas en proceso selectivo de oposición libre para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais.

Trátase de prazas de persoal laboral que funcionarizanse mediante a RPT do 15.02.2024 ofértanse en oposición libre, debido a que Emprego Público sinala que este é o tipo de proceso preferente no Regulamento de selección e que se celebraron anteriormente varios concursos-oposicións.

Na Rolda de preguntas e intervencións, SEPGA formulou as seguintes cuestións de interese e actualidade.

CONCURSOS

Debido ao atraso nas resolucións dos concursos ordinarios que se convocan, dado que a participación nos mesmos é moi elevada debido aos anos que levaban sen ofertarse, consideramos que o Servizo de Concursos se encontra infradotado de medios persoais e materiais en comparación coa carga de traballo. Polo tanto, coa finalidade de axilizar a xestión e tramitación, dos distintos tipos de expedientes competencia da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (concursos, procesos selectivos de estabilización, procesos selectivos ordinarios, carreira profesional, etc), proponse que dende a Consellería de Facenda e Administración Pública, se realicen as xestións necesarias para regular a creación a nivel da Xunta de Galicia da constitución de grupos de traballo, previa negociación coas organizacións sindicais representantes do persoal, que poidan prestar apoio naquelas cargas que circunstancialmente teñan un volume de traballo que sexa preciso axilizar (por exemplo, para a xestión de procedementos de persoal, contratación, subvencións, tramitación e resolución de recursos administrativos, etc).

Evidentemente, a integración nestes grupos debe ter carácter voluntario, a través de procedementos públicos e transparentes, e ir acompañada das contraprestacións económicas e do recoñecemento a nivel de carreira profesional correspondentes.

O apoio deste tipo de grupos de traballo, no caso da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, permitiría sen dúbida convocar canto antes os concursos e axilizar a súa tramitación e resolución, xa que é un dos lastres na actual Función Pública Galega.

A realización de concursos anuais ou o establecemento de concursos permanentemente abertos, facilitaría a mobilidade das persoas. Ao mesmo tempo, evitaríanse situacións non desexadas e graves coma a da problemática que se trata no seguinte punto.

 

PROBLEMÁTICA SENTENZAS DE PRAZAS EN DESTINO PROVISIONAL

Tras a sentenza 00498/2024 de 26 de xuño de 2024 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que recoñeceu o carácter definitivo da praza asignada previamente con carácter provisional, e tendo en conta así mesmo a sentenza do Tribunal Constitucional (TC) 116/2022, do 27 de setembro de 2022, persoal da Administración Autonómica de distintos grupos e escalas, ao que tras superar un proceso selectivo lle foi adxudicada unha praza con carácter provisional está a solicitar o recoñecemento do carácter definitivo desta á Administración Autonómica directamente, ou no ámbito xurisdicional a través do oportuno recurso contencioso -administrativo contra a adxudicación do posto con carácter provisional ou mediante a solicitude de extensión dos efectos da sentenza do TSXG arriba indicada.

O anterior pode supoñer que esas prazas finalmente non podan ser acadadas polos funcionarios mediante un concurso ordinario, de modo que todo aquel persoal que por causas das que non teñen culpa (falta da convocatoria regular de concursos de traslados e posterior concurso de ingreso na administración), se vexa privado da posibilidade de optar ás ditas prazas. Isto vese agravado, se temos en conta que, en non poucos casos, ao persoal de novo ingreso se lle ofertaron prazas con niveis más altos ca do nivel base do grupo ou escala nos que se integraban, ou mesmo prazas en localidades nas que outro persoal cunha antigüidade maior podería estar interesado en ocupar a efectos, entre outros, de poder mellorar a conciliación laboral e familiar.

Esta situación está a provocar unha situación de desacougo considerable, así como prexuízos económicos ao persoal prexudicado que se ve na necesidade de ter que gasta cartos e tempo coa finalidade de ver como se pode corrixir esta situación.

 

Moitos colectivos e asociacións profesionais afectadas tiveron a longo dos últimos meses reunións con Emprego Público debido á preocupación que suscitaron tanto as sentenzas como as peticións de extensión de sentenzas (tanto en vía administrativa como contenciosa) polos prexuízos que lles van supoñer.

Así mesmo, persoas de distintos colectivos afectados dirixíronse ao SEPGA pedíndonos que nos interesáramos por esta problemática.

Dende o SEPGA, máis aló da opinión persoal que os seus representantes poidamos ter sobre este asunto motivado por un funcionamento anormal ou incorrecto da función pública, temos claro que calquera persoa pode formular diante dos xuíces e tribunais as pretensións que crea oportunas en defensa dos seus intereses. Pero hai que traballar de modo eficiente para que situacións coma esta non se volvan a producir, así como para tratar de evitar e, no seu caso, paliar e corrixir os danos que está a provocar e, seguramente, aqueles outros que aínda están por vir.

Tendo en conta o exposto, solicitamos á Consellería de Facenda e Administración Pública-Xunta de Galicia, a través da directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal:

1. Que se nos facilite información acerca do número solicitudes, recursos, peticións de extensión de efectos administrativos, teñen recibido.

2. Que se nos facilite a información sobre cales foron os motivos para que a Asesoría Xurídica Xeral non tivera recorrido á primeira sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que recoñeceu o carácter definitivo do posto inicialmente asignado con carácter provisional. Elo, toda vez que, normalmente recórrense todas as resolucións xudiciais que resultan perxudiciais para a Xunta.

3. No caso de que, como así nos indicou a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, se estean recorrendo actualmente tódalas sentenzas e peticións de extensión de efectos administrativos da devandita sentenza do TSXG, e co obxecto de que as persoas afectadas podan ter dereito á defensa da súa carreira administrativa (que en realidade tamén é unha cuestión de interese xeral) se publiquen e se informe dos emprazamentos a tódalas persoas ou colectivos afectados coa finalidade de que non se produza indefensión.

4. Unha reunión coa directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (Consellería de Facenda e Administración Pública) e co secretario xeral da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e tódalas organizacións sindicais que forman parte Mesa Sectorial de Funcionarios para abordar e informar con transparencia acerca desta problemática e as posibles vías de solución. Reunión que pedimos que se celebre a través de medios telemáticos, de modo que quen queira poida, polo menos, escoitar en directo o que se trate.

5. Que, tendo en conta que persoas afectadas pola devandita problemática, coa finalidade de protexer o seu dereito a unha carreira administrativa fundada nos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade,  están a empregar tempo e diñeiro persoalmente para defender tamén un dereito colectivo e de interese xeral, se estude a posibilidade de con base na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, se lles compensen os gastos que teñan realizado. Gastos que, consideramos, se viron obrigados a realizar, debidos a un funcionamento anormal do sistema de concursos e provisión de postos de traballo na administración da Xunta de Galicia.

Sinalar así mesmo que a directora de Emprego Publico e Administración de persoal indicou que na actualidade xa non se están ofertando postos en destino provisional senón unicamente para destino definitivo tras superar un proceso selectivo. Ao respecto, cabe recordar que tanto os colectivos afectados como o propio SEPGA, este último xa en novembro do 2024, solicitaron fai meses que non se adxudicaran os destinos ás persoas que tiveran superado procesos selectivos no ámbito da Administración Autonómica con carácter provisional, como medida de precaución, xa que esas adxudicacións poderían resultar anticonstitucionais. De feito, a directora informou que actualmente se recorren tódalas sentenzas así como as petición de extensión de sentenza.

Compre destacar que a directora indicou que valorarían a celebración da reunión proposta.

Finalmente, sinalar que a directora manifestou que a resolución dos concursos ordinarios de funcionarios xa convocados constitúe actualmente unha prioridade do departamento.

CARREIRA PROFESIONAL

Solicitamos información acerca da negociación tanto da carreira profesional extraordinaria, Grao III que debe empezar a retribuírse neste ano 2025, así como sobre a posibilidade de negociar un Grao IV extraordinario para que o persoal funcionario que leva unha vida traballando na administración autonómica e se atope preto da xubilación poida, cando menos, chegar a ese grao aínda que sexa pouco tempo). Igualmente solicitamos información sobre cando se vai a iniciar a negociación da carreira profesional ordinaria, que se ten un tanto esquecida.

 

A directora de Emprego Público e Administración de Persoal indica que a negociación para o grao III extraordinario, se fará neste mesmo mes de xuño.